Wednesday 15 de May de 2024

O luns arranca a programación das Bibliotecas Municipais polo Día do Libro con encontros, contacontos e clubs de lectura


Baixo o lema ‘Un libro ao teu carón’, haberá unha ‘solta’ de libros nos barrios, que a cidadanía poderá recoller, ler e compartir

O Concello, a través do seu servizo de Bibliotecas Municipais, celebra a partir do luns o Día do Libro, con programación ata o vindeiro 22 de abril. Baixo o lema ‘Un libro ao teu carón’, organizouse un completo calendario que lle permitirá á cidadanía participar nos diferentes barrios a través de rutas, obradoiros ou conversas con escritores e escritoras.

Participarán nestas xornadas autores e autoras como Lúa Mosquetera, Andrea Barreira, Santy Gutiérrez, Yago García ou Manuel Rivas, xunto con colectivos culturais como Mirlotil.
A eles súmase a programación habitual de contacontos para crianzas ata 7 anos de idade,clubs de lectura ou divulgación científica ou encontros para familias. O calendario completarase con mostras de temática variadas en cada biblioteca que teñen como denominador común achegar á cidadanía curiosidades literarias e a diversidade do libro.

Levarase a cabo tamén unha ‘solta’ de libros nos barrios, preto das bibliotecas, durante toda a semana. Estes “libros libres” levarán unha tarxeta para que a persoa que os atope poida compartir o instante nas redes sociais.

Quen atope algún destes libros, pode quedar con el, levalo para a casa, lelo e despois volver deixalo en calquera lugar para que outra persoa o recolla. O Concello e as súas Bibliotecas Municipais animan á cidadanía a compartir a súa foto co libro libre xunto co cancelo #unlibroaoteucarón e citando a @bibcoruna en Instagram ou Twitter.

Toda a programación municipal polo Día do Libro pódese consultar na seguinte ligazón.